O poder de educar

Andrea López Chao: Unha vida dedicada á educación e defender os dereitos das mulleres

Andrea López Chao (12 de febreiro de 1874, Mondoñedo, Galicia, 19 de xuño de 1954, La Habana, Cuba) foi unha mestra galego-cubana pioneira na defensa dos dereitos das mulleres. Desenvolveu gran parte do seu labor educativo como directora no plantel “Concepción Arenal” do Centro Gallego de La Habana, foi a primeira muller en ocupar o cargo de vicepresidenta da sociedade “Hijas de Galicia”, e en representación desta, participou no Primer Congreso de Mujeres de Cuba.

Nada en Mondoñedo na rúa Casas Novas número 12, os seus pais, Francisca Chao Rodríguez e Antonio López Reimundez, asumían roles tradicionais da época. A súa nai encargábase das tarefas do fogar, mentres que o seu pai, respectado músico da capela da catedral de Mondoñedo, tocaba o violonchelo, o contrabaixo e o órgano. Os seus irmáns seguiron a tradición familiar, converténdose en salmistas e instrumentistas na mesma catedral. Con todo, Andrea elixiu un camiño diferente, rexeitando tanto a música como as tarefas domésticas que eran propias das mulleres do seu tempo. Decidiu abrazar o maxisterio, un xiro que deu inicio ao seu firme compromiso coa igualdade e a xustiza social, inspirada, sen dúbida, polas ideas de mulleres ilustres como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Andrea López Chao mestra galego-cubana destacou pola súa determinación de levar a educación ás comunidades máis vulnerables.

Despois de rematar os estudos primarios no seu Mondeñedo natal, trasladouse á cidade da Coruña para cursar maxisterio na Escola Normal de Mestras.

Arquivo Histórico Universtario - Santiago de Compostela.

A Coruña de finais do século XIX era unha cidade en pleno crecemento e cunha efervescencia cultural notable. Neste contexto de transformación e apertura, comezaban a xurdir tímidos debates no medio intelectual sobre o papel da muller na sociedade. Foi nesta cidade onde probablemente entrou en contacto coa obra de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, e sobre todo co pensamento feminista de Concepción Arenal a gran penalista y pensadora ferrolá que defendía a igualdade de dereitos e oportunidades para as mulleres, reivindicando a súa capacidade para participar en tódolos ámbitos da vida pública e privada, ideais que marcaron dun xeito decisivo a traxectoria de Andrea e o seu compromiso pola educación e a loita pola dignidade e os dereitos das mulleres.

Tras rematar os estudos de maxisterio, Andrea presentase as oposicións para exercer como mestra sen importar cos destinos fosen os máis afastados; o seu verdadeiro obxectivo era levar a educación a onde máis se precisaba, e por suposto ser unha muller emancipada.

Arquivo Histórico Universtario - Santiago de Compostela.

En 1894, comezou a súa carreira como mestra provisional e interina nas escolas elementais incompletas de Lindin e Vilamor, pertencentes ao concello de Mondoñedo. O seu esforzo e entrega permitíronlle, en 1898, gañar unha praza na escola incompleta mixta de Couboeira, e en setembro de 1900 foi nomeada mestra da escola incompleta mixta da parroquia de Santa María de Viloalle, onde exerceu ata 1901. Nesta última parroquia vivía Santiago Ares Cabanillas, có que contraeu matrimonio o 15 de setembro de 1902 na igrexa parroquial de Santiago de Mondoñedo.

Arquivo Histórico Universtario - Santiago de Compostela.

Entre os anos 1902 e 1904, a vida de Andrea transformouse radicalmente: casouse, emigrou a Cuba e tivo dous fillos, eventos que marcaron tanto a súa vida persoal como profesional.

O 3 de xuño de 1904, o diario El Norte de Galicia anunciaba: “Dña. Andrea López Chao, maestra que ha sido de Viloalle, en Mondoñedo, fue nombrada directora del establecimiento de enseñanza Centro Gallego de la Habana. Ha ganado dicha plaza por oposición y goza del sueldo de 75 pesos mensuales”. O semanario La Voz de Mondoñedo e o diario coruñés El Nordeste tamén fixéronse eco do seu nomeamento, subliñando a relevancia do seu logro.

En Cuba, Andrea sensibilizouse coa dura realidade das mulleres emigrantes e locais, xa que moitas delas atopábanse en situacións precarias e sen acceso á educación e á saúde. Este contexto motivouna para involucrarse na creación, en 1917, da Asociación “Hijas de Galicia”, unha sociedade benéfica destinada a protexer e apoiar ás mulleres en situación de vulnerabilidade.

Dende a súa creación a xunta directiva da sociedade estaba composta soamente por homes, ata que en 1919 reformáronse os estatutos para permitir a participación feminina, e foi Andrea a primeira muller elixida como vicepresidenta da organización, cargo que ocupou en varias ocasións, alternando co de vogal.

Durante a súa xestión na sociedade “Hijas de Galicia”, impulsou a construción dun sanatorio no barrio de Luyanó, que foi inaugurado en 1924 e que, pola súa iniciativa, recibiu o nome de Concepción Arenal, en homenaxe á influente pensadora e penalista. Este proxecto evidenciou o seu firme compromiso co benestar das mulleres e a promoción de valores humanitarios. Andrea López Chao mestra galego-cubana mantivo sempre vivo o recordo de Galicia, mesmo mentres loitaba polos dereitos das mulleres en Cuba.

Aínda lonxe da súa terra, Andrea mantivo sempre vivo o recordo de Galicia. Así o expresa a súa publicación no semanario Follas Novas, onde expresou a súa pena polo pasamento do compositor José Castro “Chané”. Nas súas palabras reflicte a fonda admiración que sentía polo ilustre músico e o amor pola súa terra natal, que a acompañaba alén do océano.

“Torna al hogar amado el hijo idolatrado de Galicia. Y vuelve con los lauros inmarcesibles del divino arte. ¡Loor y gloria al insigne Chané, cuyo nombre inspira admiración y simpatía, pues él supo, cual ninguno, elevarle alas del aplauso, allí donde se sabe sentir y querer, y adorar la música gallega!

¡Feliz el que sabe luchar honrosamente por la patria de Rosalía!”

Andrea volveu a Galicia en dúas ocasións, en 1910 e 1927, proba dunha profunda morriña e para reconectar coas súas raíces e coa súa familia. A súa chegada foi recibida con gran interese na comunidade galega, que deu conta destes viaxes a través de diversos medios de prensa.

Como representante da Asociación “Hijas de Galicia”, Andrea participou no Primer Congreso de Mujeres de Cuba, celebrado na Habana do 1 ao 7 de abril de 1923. No seu discurso “Actuación de la mujer en el hogar”, defendeu o papel crucial da muller e da familia como piar fundamental nas transformacións sociais, así como os dereitos das mulleres:

“Es un hecho, por desgracia demasiado reconocido, el considerar a la mujer como menos capacitada para la resolución de los problemas que agitan a las sociedades. Y, sin embargo, preciso es confesar que el factor más importante y necesario para la resolución de esos problemas, pende tal vez más de la mujer que del hombre.”

A súa traxectoria non se limitou á educación e á activismo, pois tamén ocupou o cargo de vicepresidenta da sociedade Concepción Arenal.

O labor de Andrea como mestra e directora do plantel “Concepción Arenal” ocupou toda a súa vida; rexístranse datos que evidencian a súa activa participación ata pouco antes do seu falecemento.

Arquivo Persoal

Faleceu aos 80 anos na clínica da sociedade “Hijas de Galicia” a mesma que ela fundó xunto a outras mulleres e homes galegos. A pesar da súa inmensa contribución á educación, á igualdade de xénero e á protección das mulleres, a súa figura caeu no esquecemento.

O seu traballo reflectiu un profundo compromiso coa xustiza social, erixíndoa como unha figura adiantada ao seu tempo e defensora incansable da emancipación feminina e da dignidade humana.