O poder de educar

Andrea López Chao
Mondoñedo 1874 – A Habana 1954
Directora do plantel de ensino Concepción Arenal do Centro Galego da Habana, e primeira muller vicepresidenta da sociedade Hijas de Galicia. Fixo do seu exercicio como pedagoga e activista polos dereitos sociais e civís dás mulleres emigradass en situación de exclusión social  a súa razón de vida, motivos suficientes para rubricar o seu nome na historia da emigración e do movemento feminista.
….

PROXECTO DOCUMENTAL

Este proxecto ten como principal obxectivo recoñecer a unha muller esquecida pola historia que desde a súa Mondoñedo natal emigrou a Cuba os primeiros anos do século XX. Alí desempeñou simultaneamente o papel de nai, pedagoga e activista en defensa das mulleres emigradas vítimas do desamparo e do tráfico sexual, a maioría inmigrantes como ela.

Andrea chega a Cuba cunha sólida formación cultural, nutrida dos postulados de Concepción Arenal asumiu a misión de conseguir que a muller fose educada e respectada para exercer tarefas máis aló das de simplemente ser nai e coidar dos fillos. Con estes preceptos, ademais de mestra e directora do plantel “Concepción Arenal” do Centro Galego da Habana, implicouse na actividade societaria ata converterse na primeira muller en ocupar un cargo de vicepresidenta segunda da sociedade Hijas de Galicia. En representación desta magnánima colectividade participou no Primeiro Congreso Feminino de Cuba celebrado no ano 1923. O seu discurso, dunha marcada influencia do pensamento de Concepción Arenal, asigna á muller a vangarda nos cambios sociais.

A ilustre mindoniense liderou en diferentes momentos as dúas institucións piares da comunidade galega en Cuba no ámbito da educación e a sanidade. Téñase en conta que nas aulas do plantel “Concepción Arenal” recibiron a súa formación primaria destacadas personalidades de Galicia. Baste mencionar á insigne pedagoga Antia Cal Vázquez ou ao pintor José Otero Abeledo (Laxeiro).

Pola súa banda a sociedade Hijas de Galicia, fundada en 1917, era a única e primeira no mundo que daba atención ás mulleres inmigrantes, tanto sanitaria como para orientalas na regulación do seu status migratorio. Aínda que a sociedade estaba formada por mulleres, a súa xunta directiva conformábana homes. Non é ata 1919 que se reforma o regulamento cando se permite que mulleres formen parte da xunta directiva, só ocupando a segunda vicepresidencia, sendo Andrea López Chao a primeira elixida, cargo que ocupou en varias ocasións.

A súa historia, como a de tantas outras, era absolutamente descoñecida na actualidade ata que o historiador Julio César González Pagés publicou en 2003 o libro “Emigración de mulleres galegas a Cuba: As Hijas de Galicia” onde fai mención a ela como a primeira muller vicepresidenta segunda da sociedade homónima. Posteriormente, o ano 2007, Prudencio Viveiro, publica a súa biografía no centro de documentación dixital “Álbum de Mulleres” do Consello da Cultura Galega. Máis tarde o xornalista Martín Fernández Vizoso publica sobre o seu labor en Cuba no xornal La Voz de Galicia- A Mariña, e nos seus libros “Memorias de Mariñans” tomo I e II, e “A Mariña en Cuba. Centros e Soc. de Emigrantes”. (Grupo Galicia no Mundo).

Foi a escritora e xornalista María Xosé Porteiro na súa novela histórica Sándalo (Galaxia 2019) quen por primeira vez fala do carácter feminista na traxectoria de Andrea López Chao.

No ano 2021 durante a XIV Xornadas do Peregrino Abrindo Camiño celebradas no concello de Mondoñedo descubriron unha placa conmemorativa no Parque da Lembranza […]en homenaxe a mestra e pioneira do feminismo […]

Posteriormente o 8 de marzo de 2022 o Concello de Mondoñedo organiza o panel expositivo “A Historia de Mondoñedo leva nome de muller” no que se proxectou o documental “Hijas de Galicia, Macorinas” e tivo lugar unha mesa redonda onde se lle rendeu homenaxe.

Co obxectivo de poñer en valor a obra da educadora e feminista mindoniense, o ano 2022 créase a Comisión Homenaxe a Andrea López Chao desde onde se promoveron proxectos que involucran a Galicia e Cuba.

Deste xeito en marzo e xuño do ano 2023 realizáronse na Habana, Mondoñedo e Santaballa (Villalba) respectivamente xornadas de homenaxe ao seu labor. Dentro das xornadas da Habana organizouse o coloquio “Mujeres galegas en Cuba, legado e transcendencia. Homenaxe a Andrea López Chao” organizado pola Cátedra de Lingua e Cultura Galegas Xosé Neira Vilas da Universidade da Habana. Pola súa banda en Mondoñedo editouse un xornal monográfico e colocouse un panel informativo na rúa donde naceu.

A reivindicación de Andrea López Chao xa é unha realidade na súa contorna máis próxima, pero é unha descoñecida para o ámbito académico e no movemento feminista. Contar a súa historia nun documental é unha maneira de visibilizar o seu activismo, pero ademais render tributo ás esquecidas, ás descoñecidas que viviron unha vida activa por un mundo mellor e máis igualitario.

Este documental, ademais de darlle o merecido recoñecemento á figura de Andrea López Chao, busca responder a interrogante de qué papel ten a educación na construción dunha sociedade onde mulleres e homes gocen dos mesmos dereitos e explorar o poder transformador que ten a educación na loita pola igualdade. Persegue ademais servir de inspiración e empoderamento a través da historia dunha muller que como outras aínda ignoradas deixounos un legado indeleble. Para iso contamos coas opinións de personalidades académicas, o valioso testemuño dunha antiga alumna, unha bisneta que continua o legado da súa bisavoa, familiares que viven en Mondoñedo que achegaron información moi valiosa. Tamén contamos co apoio das Sociedades Representativas de Municipios e Parroquias de Galicia en Cuba na procura de información. Todo isto sumado ao rigor de investigadores e historiadores que desempoaron documentos en arquivos históricos de Galicia e Cuba.